A Estrada
info@axudaservizos.com

FAQs

Se vostede pretende contratar como usuario particular e/ou privado algún dos servizos de atención domiciliaria que ofrecemos dende Axuda Servizos o único que ten que facer é contactar con nós a través do teléfono 986 57 35 45 ou ben acudindo ás nosas oficinas na Estrada (Rúa Justo Martínez, nº 10 - 5ºH). Tamén pode enviarnos un correo electrónico a través do formulario que aparece na páxina Contacto deste sitio web ou directamente a info@axudaservizos.com.

A andaina empresarial de Axuda Servizos remóntase ao ano 1993, data na que varias auxiliares que estaban a prestar o Servizo de Axuda no Fogar para o Concello da Estrada a través da Cruz Vermella deciden emprender este proxecto empresarial. Polo tanto, Axuda Servizos acumula máis de dúas décadas de experiencia no eido da axuda domiciliaria, unha bagaxe que tamén queda acreditada co crecemento progresivo experimentado pola empresa.

O cadro de persoal de Axuda Servizos está formado na actualidade por máis de 40 traballadores/as, das cales a práctica totalidade son auxiliares de axuda a domicilio que posúen o certificado de profesionalidade na atención sociosanitaria a persoas no domicilio. Este amplo equipo asistencial desenvolve as súas funcións baixo a supervisión de dúas coordinadoras tituladas en Traballo Social.

Ademais, para cumprir cos criterios de máxima calidade que a empresa persegue na súa actividade, Axuda Servizos posúe un Plan de Formación Continua que inclúe tanto cursos iniciais para o persoal de nova contratación como cursos específicos para os empregados/as existentes. Esta formación céntrase especialmente na atención das necesidades que xorden no desenvolvemento da súa actividade, non só no eido das funcións asistenciais, senón tamén no eido das habilidades sociais, actitudes, traballo en equipo, etc. 

Entre as actividades formativas programadas por Axuda Servizos figuran, por exemplo, cursos de manipulación de alimentos, prevención de riscos laborais, atención a enfermos de alzheimer, mobilización de persoas dependentes, etc.

Segundo a Orde do 22 de xaneiro de 2009 pola que se regula o Servizo de Axuda no Fogar, establécese que o SAF ten por obxecto prestar un conxunto de atencións ás persoas no seu domicilio, dende unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións en que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desestruturación familiar. 

Os obxectivos do Servizo de Axuda no Fogar son os seguintes:
  • Mellorar a calidade de vida das persoas usuarias.
  • Posibilitar a permanencia das persoas no seu contorno de convivencia habitual.
  • Favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio.
  • Manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social.
  • Previr situacións de dependencia ou exclusión social.
  • Retardar ou evitar a institucionalización.
  • Reforzar a solidariedade e potenciar o voluntariado social.

O Servizo de Axuda no Fogar está aberto a todas as persoas ou unidades de convivencia para as que, de acordo coa valoración técnica correspondente, supoña un recurso idóneo de atención. De xeito particular, o servizo atenderá persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu contorno inmediato, así como fogares con menores en que se observe necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo. Tamén poderá dar unha resposta preventiva e socializadora a diversas situacións de familias en risco de exclusión social.

En todo caso, darase prioridade no acceso ao servizo ás persoas que teñan un dereito recoñecido de atención dentro do sistema de autonomía e atención á dependencia.

Sen prexuízo dos criterios de carácter xeral establecidos na Orde do 22 de xaneiro de 2009 pola que se regula o Servizo de Axuda no Fogar, as ordenanzas municipais reguladoras do servizo establecerán os sistemas de acceso por libre concorrencia ao SAF -en tanto que prestación básica do sistema de servizos sociais- para situacións diferentes ás recollidas no parágrafo anterior.

As persoas usuarias do SAF, no marco dos dereitos que con carácter xeral se lle recoñecen na lexislación aplicable sobre servizos sociais e, se é o caso, sobre o procedemento administrativo común, teñen dereito a:

  • Seren tratadas co respecto debido á súa dignidade.
  • Recibiren unha atención adaptada ás súas necesidades, coa calidade e duración prescritas en cada caso.
  • Coñeceren a organización e o regulamento do servizo.
  • Coñeceren a situación do seu expediente.
  • Recibren un tratamento confidencial dos seus datos de acordo co disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.
  • Recibiren información precisa e clara sobre as posibles modificacións sobrevidas durante a prestación efectiva do servizo.
  • Presentaren queixas e suxestións ao persoal coordinador do servizo cando expresaren reclamacións ou fixeren suxestións sobre a súa prestación efectiva. 

As persoas usuarias, no marco dos deberes que con carácter xeral se recollen no artigo 37 da Lei 4/1993, de servizos sociais, terán os seguintes deberes:

  • Cumprir coas condicións do servizo, facilitándolle a execución das tarefas ao persoal a cargo e poñendo á súa disposición, se é o caso, os medios materiais necesarios.
  • Colaborar, na medida das súas posibilidades, no desenvolvemento do servizo en función das súas capacidades e nos termos acordados en cada caso.
  • Facilitar e colaborar no seguimento e avaliación do servizo.
  • Respectar a dignidade persoal e profesional das persoas que prestan o servizo, así como respectar os límites das súas obrigas laborais.
  • Informar dos cambios de calquera circunstancia que impliquen unha modificación na súa capacidade económica, así como de circunstancias relevantes de carácter persoal ou familiar que puidesen dar lugar á modificación, suspensión ou extinción na prestación do servizo.
  • Participar no pagamento do servizo nos termos que se estableza na súa norma reguladora.
  • Comunicar, en circunstancias ordinarias e previsibles, con dez días de antelación, calquera ausencia temporal do domicilio que puidese impedir a prestación do servizo.

Uso de cookies

Esta páxina web emprega cookies para que vostede teña unha mellor experiencia como usuario. Se vostede segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies